Audasa condenada a devolver as peaxes cobradas durante as obras na AP-9

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra estimou parcialmente a demanda presentada polo Ministerio Fiscal, ao que se adheriron as asociacións de consumidores Adicae e En Colectivo, así como particulares, contra a concesionaria da AP-9, polo cobro de peaxes durante os atascos derivados das obras na ponte de Rande. O xuíz defende que a compañía non debería cobrar peaxes completas aos seus usuarios nos casos en que hai incidentes importantes na estrada que non se anunciaron con suficiente antelación para os usuarios.

O maxistrado declarou a nulidade destas prácticas abusivas consistentes en cobrar peaxes completas cando se produciron, entre 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018, un total de 81 incidencias no tramo da ponte de Rande e condenado Audasa a restituír o importe cobrado por peaxes.

O xuíz considera “indiferente” no seu fallo que as incidencias fosen motivadas directamente polas obras ou por outras circunstancias, tales como accidentes, vehículos avariados, incendios ou desprendementos de terras. “O relevante non é a causa, senón o feito de cobrar un prezo a un consumidor que non recibiu a prestación do servizo e ao que non se lle proporcionou a información necesaria para que puidese tomar a súa decisión”, subliña.

Información

Así mesmo, o titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra recalca que “non consta de ningunha forma que houbese algunha causa de forza maior que impedise a Audasa informar os condutores coa suficiencia e antelación oportunas”.

A empresa, ademais, deberá asumir o custo da publicación do fallo da sentenza, xunto coa lista das 81 incidencias admitidas, no diario de maior difusión ddo Estado español. As e os usuarios que fosen afectados por algunha delas, poderán instar a que se lles recoñeza como beneficiarios da condena.

En todo caso, o xulgado non aceptou no fallo establecer os criterios a seguir por Audasa para garantir o “cesamento das prácticas abusivas” nin a esixencia de que a entidade presente ao Xulgado un criterio de eliminación do prezo da peaxe en determinados casos, dado que non “corresponde” ao ámbito xudicial esta cuestión. Do mesmo xeito, tamén descartou considerar os feitos como un dano ou prexuízo que mereza unha compensación superior á propia devolución do importe pago.

Vía: https://www.nosdiario.gal