Economistas e sindicatos alertan que traballo a distancia, malia ter un impacto reducido en Galicia, podería “liquidar” a capacidade de presión colectiva dos traballadores e ampliar a fenda do mercado laboral: “os que máis cobran quedarán na casa e os que ocupan postos precarios terán que arriscarse ao contaxio”.
Logo de anos escoitando que a nosa economía tiña que ‘poñerse ao día’ para deixar de estar ‘á cola de Europa’ en materia de teletraballo xa non parece estar tan claro que este sexa tan bo como se pensou nun inicio. É o que se desprende da visión dos expertos consultados por Galicia Confidencial a respecto dun fenómeno que creceu de xeito ‘express’ durante o confinamento e que xa conta cun anteproxecto de lei -duramente criticado por CIG e CNT- para regulalo. O principal dos problemas, apuntan, devirá da “individualización” dos traballadores baixo este novo modelo, unha circunstancia que, defenden, os deixará máis expostos ante posibles recortes de dereitos.
Aínda que sindicatos e economistas coinciden en falar dun fenómeno “altamente preocupante” no que a condicións laborais respecta, o certo é que o impacto do traballo a distancia en Galicia será, en todo caso, minoritario. Así o indican os informes elaborados polo Banco Mundial ou a Universidade Complutense, que sitúan arredor do limiar do 30% a cantidade de traballos susceptibles de facerse dende a casa; unha proporción lixeiramente inferior á media estatal, segundo o organismo global.
Este impacto relativamente escaso débese a unha “debilidade estrutural” do tecido produtivo galego, segundo sostén o doutor en Economía pola USC Adrián Dios. “Somos unha economía moi dependente de servizos de baixo valor engadido”, sostén o economista, que pon como exemplo paradigmático desta dinámica o turismo. “Este tipo de traballos, entre os que tamén podemos contar as perruquerías ou a construción, non se poden facer dende a casa, requiren presencialidade”, concreta.
“A MÁIS RIQUEZA, MÁIS TELETRABALLO”
Esta terciarización de baixo valor engadido, compartida con certos matices polas economías galega e española, provoca que a taxa de empregos ‘teletraballables’ sexa moito máis reducida que as rexistradas nos países do centro e o norte de Europa, en moitos casos por riba do 50%. “Os datos dispoñibles levan a pensar que, a maior riqueza, maior capacidade de teletraballo”, pondera Dios Vicente, que traslada este paralelismo ó mercado laboral de Galicia. “Vaise dar o triste caso de que as persoas cun emprego estable e ben remunerado poidan traballar dende a casa”, sostén, “mentres que aqueles en postos máis precarios terán que arriscarse ao contaxio”.
Este continuo formación-presencialidade, defende Dios Vicente, contribuirá a aumentar a desigualdade dun mercado laboral “dual de por si”. “Realmente xa existe unha fenda entre traballadores ben pagados e traballadores precarios”, asegura, “o teletraballo tan só a vai poñer relevo”. A principal incidencia negativa desta nova modalidade, porén, situaríase no eido da loita sindical, cuxos responsables recoñecen seguir con “preocupación” o progresivo influxo do traballo a distancia. “Hai un risco claro de que os traballadores perdan capacidade de resposta ante un recorte de dereitos”, explica Paco González Sío, secretario de Negociación Colectiva da CIG.
“As empresas menos serias van contratar rapaciños saídos da universidade para poñelos a traballar 8 horas cun contrato de 4”
A “INDIVIDUALIZACIÓN” DOS CONFLITOS
O ‘quid’ desta cuestión é, segundo apunta Martín Paradelo, secretario de UGT Galicia, a “individualización” á que son sometidos os asalariados na modalidade a distancia. “Evidentemente, os teletraballadores van poder seguir denunciando as súas situacións”, asegura, “pero na práctica terán moita menos capacidade de negociación porque se liquida a acción colectiva”. No mesmo sentido incide Adrián Dios: “o espazo de traballo desaparece e con el o contacto directo. Se o traballador se desconecta dos seus iguais non terá incentivos para sindicarse, e os conflitos pasarán a resolverse de xeito individual, deixándoos máis desprotexidos”.
Nesta situación, a “imposibilidade” de medir a duración das xornadas leva a pensar que os incumprimentos de horarios aumentarán. “As empresas menos serias van contratar rapaciños saídos da universidade para poñelos a traballar 8 horas cun contrato de 4”, pondera González Sío. Para evitar esta “desconexión” do resto de traballadores, o secretario de Negociación Colectiva da CIG formula a obrigatoriedade de que os empregados conten “con polo menos dous anos de antigüidade” na empresa antes de poder exercer dende a casa.
A iniciativa de Sío discorre na mesma dirección das bosquexadas por Paradelo ou Dios Vicente, que destacan a necesidade de chegar a fórmulas intermedias para manter a capacidade de presión colectiva. “Sería boa idea avogar por un modelo mixto no que os asalariados puideran estar na casa dous ou tres días á semana e o resto no centro de traballo”, valora o doutor en economía, que tampouco descarta a posibilidade de distribuír os tempos de traballo presencial e telemático nas horas dunha mesma xornada. “Por exemplo, teletraballando ás mañás e no centro ás tardes”, puntualiza.
UNHA LEI “FEITA ÁS PRÉSAS”
Nunha óptica xa sindical, Paradelo defende garantir por lei que os empregados fagan reunións periódicas no seu espazo de traballo. “É unha forma de evitar esta individualización que podería deixalos nunha posición de maior debilidade á hora de facer presión en caso de conflito”, sinala o representante da CNT. O secretario da organización en Galicia non oculta que os sindicatos terán que enfrontar moitas dificultades nos próximos anos para manterse en pé, e vencella este panorama pouco prometedor a unha lei de teletraballo “sen moito contido”. “O único artigo específico é o que apunta á ‘flexibilización’ do traballo, que se fai pasar por un dereito pero na práctica vainos obrigar a pasar o día enteiro pendentes do ordenador”, explica. “Sen unha lei de desconexión seremos escravos dos ordenadores e as tablets”, coincide Sío.
“Este goberno fixo unha lei ás présas para quedar ben, e agora estanos metendo en problemas a todos”
O rexeitamento ó anteproxecto de lei impulsado polo goberno de coalición semella ser tamén a tónica dominante no caso da CIG. “A regulación do teletraballo require unha reflexión moi profunda”, explica Sío, que insta ó executivo de Sánchez a ter en conta o acontecido estes últimos meses e concertar un diálogo “fondo” con traballadores e empresarios. “Este goberno fixo unha lei ás présas para quedar ben, e agora estanos metendo en problemas a todos”, conclúe.