Xestores administrativos de Galicia alertan de que “moi poucas empresas” poderanse coller á moratoria de cotizacións

Os xestores administrativos de Galicia alertaron este xoves de que “moi poucos sectores económicos” se poderán beneficiar da moratoria do pago de cotizacións á Seguridade Social anunciada polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Fontes colexiais sinalaron que van ser “escasos” os negocios que poderán acollerse ás condicións que establece o Executivo, xa que quedan fóra dos 12 códigos CNAE aos que se lles permite suspender durante seis meses sen ningún tipo de interese as cotizacións sociais pagaderas nos meses de maio, xuño e xullo.

“O problema radica en que un gran número de empresas, sobre todo aquelas de comercio polo miúdo, realizan máis actividades das que quedan recollidas no código CNAE no que están rexistradas”, apuntan vos xestores.

Un “exemplo claro” desta situación é o do comercio polo miúdo de pan e produtos de panadaría, confeitaría e pastelaría en establecementos especializados, o cal se atopa dentro dos 12 CNAE aos que se lles concedería a moratoria. Con todo, “a maioría do comercio polo miúdo de pan tamén o fabrica e o seu CNAE é o de fabricación de pan e non o de comercio polo miúdo e, por tanto non lle corresponde a moratoria”.

Con arranxo a este criterio, quedarán fóra, por exemplo, as instalacións eléctricas, o comercio de alimentación especializado, fruterías, panadarías, comercio por xunto de flores, moitas empresas de prestación de servizos e “un sen fin de actividades económicas”.

Vía:http://www.galiciaconfidencial.com