Un informe constata que menos da metade dos ingresos das compañías proceden das súas actividades no país
As cinco grandes compañías eléctricas investiron 11.021 millóns en España entre os anos 2016 e 2018. Así o pon de manifesto un informe elaborado por Deloitte sobre a saúde do sector, que tamén destaca que hai dous anos daban emprego a uns 27.000 traballadores. O estudo foi presentado este venres durante unha xornada organizada pola Fundación Naturgy.
Deloitte tamén conclúe que a rendibilidade económica media do sector foi dun 3,62 % anual nese período.
Segundo a consultora, menos da metade da cifra de negocio das cinco principais eléctricas procede da súa actividade en España (41.000 millóns dun total de máis de 96.000). Ademais, só 53 millóns dos 3.155 millóns de resultado neto global poden ser atribuídos ás súas actividades eléctricas en España.
Este informe económico-financeiro das actividades de xeración, distribución e comercialización de electricidade realizouse a partir da información pública dispoñible, procedente das contas auditadas dos principais grupos integrados con actividade en toda a cadea de valor eléctrica en España.
Na mesma xornada, o economista especializado en mercados de enerxía, Miguel Ángel Lasheras, presentou outro estudo da Fundación Naturgy sobre o sector. Entre outras conclusións, destaca que «a competencia penetrou no mercado dos consumidores grandes e medianos, e nos volumes de enerxía consumidos, e non tanto no mercado doméstico ou no número de puntos de subministración, debido ao efecto da tarifa regulada», explicou o economista.