En 2020, o selo Pataca de Galiza estenderase a todo o territorio. Na actualidade só abrangue as zonas produtoras da Limia, Bergantiños, Lemos, Terra Chá e A Mariña.
Desta forma, produtoras de todo o país traballarán baixo o amparo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), que vai recoñecer, ademais, as variedades agre e fina de Carballo.
Segundo os últimos datos da Indicación Xeográfica Protexida Pataca da Galiza, hai 74 produtoras e 10 almacenistas rexistradas co selo de calidade. Xuntas, suman 282 hectáreas de produción repartidas en catro áreas: A Limia, Bergantiños, Terra Chá-A Mariña e Lemos. En 2018 comercializaron perto de 6.000 toneladas de pataca por un valor económico de case 6 millóns de euros.
Coa ampliación da IXP a todo o territorio galego medrarán as cifras, mais tamén a satisfacción do sector pataqueiro. Especialmente de quen se dedica ao cultivo e á transformación dun produto esencial para a cociña e a economía galegas.
A industria da pataca frita sumará un atractivo extra aos seus lotes, cada vez máis eloxiados no mercado galego e no internacional. Bonilla a la Vista, A Casa Vella e Jaly’s son algunhas das marcas con máis tradición no ramo e con mellor acollida entre as consumidoras.
Destino Corea
Bonilla a la Vista é a máis veterana. Iniciou a súa actividade na primeira metade do século XX mais o negocio das patacas fritas alentouno con maior esforzo durante os últimos 30 anos. “Actualmente producimos 540 toneladas ao ano e vendémolas todas. As máis, na Galiza e no Estado español. 60 van para fóra, e desas, 40 a Corea do Sur“, sinalan desde a empresa, que mantén a súa fábrica no polígono de Sabón, en Arteixo, desde o ano 1988.
“A aparición dunha lata de patacas Bonilla en Parásitos, gañadora do Oscar á mellor película, disparou a venda online un 120%”.
O éxito, din, débese á calidade do produto; ao bo facer da distribuidora, que elixiu Bonilla en 2016 para levar ao mercado asiático, e a que Corea é o país do mundo que máis snacks consome, sobre todo, patacas fritas. Unha realidade que se mestura en Parásitos, o filme coreano recoñecido este ano co Oscar á mellor película. A aparición dunha lata de patacas fritas Bonilla nun momento da fita disparou a venda online un 120% no último mes, o que obrigou a marca a poñer en marcha, en pleno inverno, a segunda quenda diaria de traballo, concibida só para os meses de primavera e verán. E aínda máis, o incremento da demanda sumou catro empregadas máis á fábrica, que xa conta con 110 operarias.
Bonilla é, a día de hoxe, a primeira marca galega de patacas fritas no mercado galego e no estatal, malia que non sempre botan man da produción do país. “Primamos a calidade, e hai épocas en que a pataca nova do país non é boa para fritir”, aseguran.
Pataca galega
A Casa Vella preséntase como a segunda marca con máis predicamento no mercado galego. Así o apunta a Nós Diario Carlos Calvo, responsábel da fábrica con sede en Xinzo de Limia. O negocio botouno a andar en Fene en decembro de 2014, mais a praga da couza guatemalteca da pataca forzounos a moverse. Escolleron a comarca da Limia, onde obteñen a pataca galega coa que elaboran un “produto gourmet”, con aceite de oliva virxe extra e sal do val de Añana (Áraba).
“A Casa Vella elabora 110 toneladas ao ano de patacas fritas con aceite de oliva virxe extra e sal do val de Añana”.
“Desde o primeiro día apostamos por traballar con pataca galega da variedade agre, a máis óptima para fritir, que a partir deste ano contará coa certificación da IXP Pataca da Galiza”. A Casa Vella produce unhas 110 toneladas ao ano de patacas fritas que atopan acubillo en máis de 3.000 puntos de venda en todo o Estado. “Agora acabamos de enviar as primeiras partidas ao Xapón, nun mes esperamos chegar a Panamá e axiña iniciaremos contactos para exportar a Suíza e Alemaña“, afirma Calvo.
“Jaly’s IXP son as primeiras patacas fritas elaboradas en Xinzo co selo de calidade Pataca da Galiza”.
O país teutón tamén é o primeiro destino internacional de Jaly’s IXP, unhas patacas fritas elaboradas en Xinzo co selo de calidade Pataca da Galiza. Acaban de nacer cunha previsión de vendas de 75 toneladas anuais. “Son galegas, da variedade kennebec, fritas con aceite de oliva virxe extra e sal do val de Añana”, explica Pablo Fernández, xerente de Jaly’s. A marca iniciou a súa actividade en 2011 como comercializadora. Desde o 2012 ten fábrica propia e produce patacas fritas con aceite de xirasol e sal mariño para os canais de alimentación e hostalaría.