A caída de exportacións deixa ao sector téxtil galego como “o máis afectado o impacto da COVID-19”

caída das exportacións en Galicia durante o mes de marzo deixa ao sector téxtil como “o máis afectado o impacto da COVID-19”, segundo o Foro Económico de Galicia (FEG). Despois de que o mercado das exportacións caese en Galicia un 26,7% durante o mes de marzo segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), o FEG subliñou como o “shock do confinamento esnaquizou os resultados positivos do primeiro trimestre” na Comunidade, sobre todo no sector téxtil.

Así o conclúe a análise dos seus expertos que estudaron o comportamento das exportacións galegas baixo a coordinación do economista Albino Prada, segundo explicaron este mércores nun comunicado.

Desde esta entidade os economistas mostráronse preocupados pola caída das exportacións en xeral en Galicia, pero en concreto pola “asimetría do impacto nos sectores referentes para a economía galega”. Segundo os expertos do FEG, existiu un “impacto directo e inmediato no sector da confección” e un “máis retardado en bens de consumo duradeiros como os da automoción”.

Este atraso foi o que precisamente “favoreceu o balance trimestral global que, aínda así, é peor para Galicia” que para o conxunto de España. A pesar de que “durante os dous primeiros meses de 2020 as exportacións galegas creceron a un ritmo do dobre do anotado” no resto da Península, a paralización da actividade económica “afectou de forma máis grave ás exportacións galegas”.

EMPRESAS EXPORTADORAS

Por outra banda, o Foro tamén recolle que neste primeiro trimestre mellorou o número de empresas dedicadas á exportación en Galicia e así “permite recortar lixeiramente a enorme brecha” que arrastra a Comunidade “nos últimos dez anos”.

“Só o número de exportadores cara á Unión Europea ten un peor comportamento en Galicia que no conxunto de España”, engadiron a este respecto. Para extraer estas conclusións, os analistas consultados tiveron en consideración dúas dimensións, a de volume exportado e o número de empresas que se dedicaron a esta actividade.

En base a estas dúas dimensións analizaron catro aspectos: a evolución total no período, a evolución das exportacións cara á UE, cara ás economías emerxentes e a evolución total na última década.

Neste sentido, durante o primeiro trimestre de 2020 dos oito indicadores a ter en conta, Galicia conta cunha “peor avaliación” en cinco deles en relación ao conxunto de España.

Vía:https://www.galiciaconfidencial.com