Galiza di adeus á súa cuarta clienta comercial

Reino Unido é de facto o primeiro Estado en abandonar a Unión Europea. Ábrese entón un período transitorio até 31 de decembro para asinar un acordo comercial que estabeleza as novas regras do xogo entre os países membros e as illas no que Galiza terá moito que dicir en sectores como o téxtil, a automoción ou a alimentación. 

En menos de 24 horas o Reino Unido deixará a Unión Europea. Consumado o Brexit, comeza un período transitorio no que os Estados Membro deberán negociar con Londres as novas regras do xogo, especialmente no que atinxe ao comercio entre ambos territorios. As persoas expertas non albiscan moitas esperanzas de que o Parlamento británico pida unha nova prórroga en xullo para negociar as condicións da saída, polo que o 31 de decembro será oficial a marcha do primeiro Estado do grupo da Unión Europea.

Esta situación ten unhas implicacións moi salientábeis para Galiza. Son centos as empresas que manteñen relacións comerciais co Reino Unido ou mesmo teñen delegacións nese país. Aínda que a súa importancia na economía galega foi en descenso nos últimos anos, sobre todo após a votación na que os británicos marcaron o camiño de saída, as illas seguen a ser unha das principais clientas das empresas galegas. O pasado ano, en materia de exportacións, ocupaba a cuarta posición, con 1.500 millóns de euros de volume e un peso relativo de 7% sobre o total exportado. 

Máis de 500 empresas galegas colocan os seus produtos no mercado británico. O téxtil e a automoción son os principais bens exportados por valor, e por tanto as que máis expostas están. Pero dese medio milleiro de empresas, 85% corresponden a firmas de alimentación (conservas e viños), bens de equipo (fundamentalmente compoñentes da automoción), e outras manufacturas. En canto ás importacións, son arredor de 700 empresas as que dependen dos produtos británicos, aínda que o volume que manexan é máis pequeno que as exportadoras. En calquera caso, á vista dos datos, o director territorial de Comercio e do Icex na Galiza, Sergio Prieto, recoñece en declaracións a Nós Diario que “non nos podemos permitir o luxo de perder a este cliente”. 

Plans de continxencia

Desde o ICEX levan meses a traballar na preparación das empresas para o escenario ‘post Brexit’. “Nós tiñamos moi claro que as empresas debían preparar plans de continxencia”, o problema, apunta Prieto, é que “non vimos moita preocupación” por parte dalgunhas. 

Vía: https://www.nosdiario.gal