Rexistran un aumento superior ao avance do 0,9% nas pernoctacións en España.
As pernoctacións e os viaxeiros aloxados en hoteis galegos ao longo de 2019 incrementáronse un 6% en comparación con 2018, con base nos datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, os hoteis en Galicia rexistraron un total de nove millóns de pernoctacións durante este ano, o que supón máis de medio millón por encima das de 2018.
Pola súa banda, os viaxeiros aloxados foron 4.461.822, o que supón 255.143 máis que en 2018. O aumento de pernoctacións e viaxeiros en Galicia é moi superior ao avance en España, que é do 0,9%.
O 5,7% das pernoctacións en España en 2019 realizáronse en Galicia. No tocante á estancia media nos hoteis da Comunidade ao longo do ano, queda preto dos dous días por viaxeiro. O grao de ocupación en Galicia foi do 40,7%, o cuarto máis baixo das comunidades, e lonxe da media española, superior ao 60%.
DATOS ESTATAIS
Os hoteis españois rexistraron 343,1 millóns de pernoctacións en 2019, o que supón un 0,9% máis que en 2018, a pesar da quebra de Thomas Cook o pasado mes de outubro e os seus efectos sobre o sector do turismo. Este repunte anual do 0,9% supón ademais volver a taxas positivas despois de que as pernoctacións hoteleiras baixasen un 0,2% en 2018.
O avance das pernoctacións en 2019 foi consecuencia case exclusivamente das pernoctacións dos residentes, que aumentaron un 2,6% no ano, xa que as de estranxeiros apenas subiron un 0,1%. O 57,4% das pernoctacións en hoteis españois producíronse entre os meses de maio a setembro, cun incremento do 1% respecto ao mesmo período de 2018.
A taxa anual do Índice de Prezos Hoteleiros (IPH) situouse nunha media do 1,9% en 2019, tres décimas menos que en 2018. A facturación media por habitación ocupada (ADR) foi de 91 euros en 2019, mentres que o ingreso por habitación dispoñible (RevPar), condicionado á ocupación rexistrada, alcanzou os 61,2 euros de media.
No último mes de 2019, as pernoctacións en establecementos hoteleiros incrementáronse un 1,5% respecto de decembro de 2018, ata sumar 16,9 millóns, grazas tanto ás pernoctacións do non residentes, que aumentaron un 1,6%, como ás realizadas polos españois, que se incrementaron un 1,5%.
Vía:http://www.galiciaconfidencial.com
Hotel Atlántico. EUROSTARS – Arquivo | Fonte: Europa Press