A normativa en Galicia fixa que as tendas deben ter os seus artigos expostos durante un mes antes de poder iniciar as rebaixas.
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, sinala que as tendas galegas teñen previsto “primeiro dar saída á mercadoría que hai” produto dos dous meses de parón nos negocios polo impacto do coronavirus, antes de comezar período de rebaixas “cara a finais de xuño ou xullo”.
Así se pronunciou en declaracións a Europa Press despois de que o Goberno publicase no Boletín Oficial do Estado (BOE) que están permitidas as rebaixas nos establecementos, aínda que no caso de producirse aglomeracións deberá procederse ao cesamento inmediato destas promocións “se fose necesario”.
“A sondaxe que fixemos nós estanos indicando que primeiro se sacará a mercadoría que se poida a prezos normais“, explica Seijas, quen cre que pola contra pode haber perdas se se fai cos produtos “xa rebaixados”.
Ademais, chama a atención sobre que a normativa da lei galega de comercio establece que “todo o que se queira pór en rebaixas ten que estar o mes previo a prezos normais”. “Isto quere dicir que acabamos de abrir e haberá que esperar a dentro dun mes, como moi pronto, para poder pór rebaixas”, indica.
A este respecto, reflexiona sobre que “hai moita necesidade de sacar artigos e vender, pero hai que facelo cunha orde”. Por iso, os comercios que poñan rebaixas este mesmo luns “exponse a unha sanción dun inspector”. Con todo, José María Seijas matiza que “non pode haber rebaixas, pero pode haber promocións” nas tendas que sexan atractivas para os consumidores.
PIDE VOLVER AO PERÍODO REGULARIZADO DE REBAIXAS
Preguntado sobre o temor a esa posibilidade de aglomeracións, Seijas di que “oxalá” se visen colas en tendas, “pero precisamente esa masificación no comercio hai anos que desapareceu, produto de que as rebaixas sexan durante todo o ano”.
Así, resalta que “segue reclamando, e isto xa depende do Goberno central, que se volvan a regular as rebaixas en períodos” sen estar liberalizadas todo o ano, “e que non haxa este descontrol desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro”. Defende que “as rebaixas teñen un fin: liquidar os artigos que quedan de tempada”.
ORDE DO BOE
Agora, na nova orde publicada o pasado sábado no BOE, o Goberno introduce unha disposición adicional que modifica a orde do 9 de maio e que deixa claro que se poderán facer rebaixas en tendas físicas, sempre que non dean lugar a aglomeracións que impidan o cumprimento das medidas sanitarias destinadas a evitar a propagación do virus.