O aumento de prezo continuado ten relación coa recuperación dos prezos do petróleo que sinala o barril de cru Brent.
O ano 2021, para os carburantes comezou da mesma maneira que finalizou 2020: aumentando o seu prezo. Desde novembro é un 5,4% máis caro como consecuencia da espiral alcista que ten nos mercados o importe do cru.
Esta mesma semana o prezo medio do litro de gasolina subiu un 0,76% respecto ao último dato na súa serie de 2020, realizada o pasado 14 de decembro, sumando así a súa sexta alza consecutiva, para situarse nos 1,184 euros, segundo datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea. En relación ao gasóleo, o seu prezo encareceuse un 1,13%, no que é tamén a súa sexta suba consecutiva, para elevarse até os 1,069 euros o litro.
Aumento do barril de cru polo acordo OPEP+
Este encarecemento está relacionado coa recuperación nos prezos do petróleo, disparado nos últimos días polo acordo da Organización de Países Exportadores de Petróleo e Rusia (OPEP+) para un recorte na produción de cru.
Así, o barril de cru Brent, de referencia en Europa, cotizaba onte por riba dos 54 dólares, mentres que o Texas americano se intercambiaba a case 51 dólares, mantendo así a súa espiral alcista.
Subas continuas en 2020 após o confinamento
Os prezos dos carburantes consolidan, daquela, as subas que empezaron a rexistrar ao longo do verán de 2020, con incrementos desde o mesmo mes de maio, cando descenderon a mínimos como resultado do confinamento social nas casas polo coronavirus. Con esta nova suba, o litro de gasolina mantense ao redor dun 10,4% máis caro fronte a eses mínimos de maio, mentres que no caso do gasóleo o seu prezo é un 9% superior.
Aínda así, a gasolina segue estando máis barata no Estado español respecto a media da Unión Europea (UE) e a zona euro, onde o litro custa de 1,280 euros e 1,325 euros, respectivamente, ao mesmo tempo que o litro de gasóleo custa, de media, 1,159 euros na UE e 1,179 euros na eurozona.
O menor nivel de prezos finais con respecto aos países da contorna débese a que, a pesar das subas do imposto sobre o valor engadido (IVE) e aos maiores impostos e aos gravames ao biodiésel, segue contando cunha menor presión fiscal.