Pode que o valor que recobraron durante a pandemia as tendas de alimentación dos barrios sexa só un espellismo, consecuencia das restricións ao resto do comercio ou do medo a unha exposición maior ao contaxio. Ou pode que sexa unha tendencia que veña a redescubrir o que os negocios de proximidade achegan, máis alá do puramente comercial, ao tecido social. Nun momento de precariedade e incerteza, o sector galego expón as súas potencialidades.
A proba de esforzo que está a supoñer, para o tecido económico, o parón obrigado pola crise sanitaria destes meses ten no pequeno comercio un dos grandes afectados. Estes negocios representan hoxe, segundo datos da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) da Galiza, perto dunha cuarta parte do traballo autónomo no país (23,4%), cuxa filiación está a experimentar un descenso que é de 1,3% se se comparan as cifras de maio coas de decembro e que chega a 2,1% ao opoñelas ás de maio de 2019, cando había 4.357 traballos autónomos máis na Galiza.
Con pouca marxe para o optimismo, o presidente de ATA, Rafael Granados, calcula que de aquí a final de ano a caída de traballo autónomo dentro do sector comercial galego aínda caerá entre 20% e 30%, en función de como evolucione o consumo. “Hai que ter en conta distintas variábeis, a comezar pola situación sanitaria dos próximos meses, pero tamén a económica, coas incertezas que se están xerando no Estado: se estás nun ERTE terás menos poder adquisitivo e polo tanto menos capacidade de consumo; se non sabes se terás traballo nun futuro próximo reducirás os gastos para ter un colchón. E ocorre o mesmo con persoas autónomas con persoal ao cargo no comercio, en ERTE. Ao non haber certezas de como vai funcionar o consumo é un risco grande asumir os cargos de todo o persoal sen saber se se vai ter solvencia para afrontalo”, expón.
Desde a Federación Galega de Comercio, o seu presidente, José María Seijas, concorda en que situacións como a que atravesa a antiga Alcoa ou os feches que comezan “retraen o consumo”. “As persoas non teñen confianza no futuro e cando o grao de confianza baixa as vendas tamén. Hoxe temos valores de confianza moi baixos, similares aos de 2012. Temos que pensar que a maioría dos comercios estiveron 50 días fechados, sen ningún ingreso, e que houbo que correr cos gastos”, apunta, e estima que a normalización das vendas non chegará até finais de ano, ou mesmo principios do que vén.
A “illa” da alimentación
A situación, segundo avalía Seijas, afecta na mesma medidas aos grandes núcleos de poboación e ás vilas –”cando non se vende, non se vende en ningures”, afirma– mais si é diferente segundo o tipo de comercio. “Sectores como o da alimentación –que non tivo que fechar– non sufriron retroceso nas vendas. A xente, ao principio, asustouse e acumulou. Outros menos primordiais van máis lentos e terán máis difícil a subsistencia”, vaticina.
Así o ve tamén o presidente de ATA Galiza, que distingue entre sectores de “primeira necesidade”, como o alimentario ou os salóns de peiteado, con outros que, como a peletaría ou a xoiaría, “non o son, e serán os que peor o pasen”. “As tendas de alimentación, ao traer produto fresco e de proximidade, si aumentaron clientela, talvez polo medo ao contaxio nos supermercados, ou porque había menos colas… Pero haberá que agardar para comprobar se ese efecto dura. As áreas comerciais acaban de abrir”, advirte.
Para Ana María Pena, que rexenta desde hai un ano un pequeno negocio de alimentación no barrio de Catro Camiños da Coruña –A tenda de Ana–, os perto de tres meses de confinamento servíronlle para reforzar a súa confianza nas relacións de proximidade. “A xente empezou apoiar moito máis o pequeno comercio de forma desinteresada. A ver se se mantén, pero eu vexo a veciñanza moi concienciada ao meu redor”, valora.
Función social
Desa proximidade salienta o valor social. A súa tenda colabora, xunto con outro medio cento de comercios de proximidade, cos Grupos de Apoio Mutuo (GAM) da Coruña, postos a andar de maneira autoxestionada para prestar axuda á veciñanza máis vulnerábel na pandemia e que apostan polo comercio de barrio como alternativa sustentábel–no económico, no laboral e no ocial– ás grandes superficies. No seu caso, Pena ten no negocio unha “caixa de resistencia veciñal” dos GAM, onde acumula propinas e achegas solidarias da súa clientela e dela mesma, que despois se destinan á compra de alimentos e produtos básicos en caso de emerxencia, e tamén colabora co reparto das compras a persoas que nestes meses non podían saír da casa ou doando alimentos cando se precisaban.
o comercio pequeno estamos para axudármonos e ademais damos un trato moi persoal, de confianza, que non hai nun gran supermercado. Acabas facendo lazos, creando redes, porque a cuestión é axudarse cando se precisa e axudar a facer barrio”, sinala a comerciante.
Á función social do comercio de proximidade apelan tamén desde a Asociación de Autónomos e desde a Federación de Comercio, despois de destacar a atención personalizada que presta e a especialización do seu servizo. “Onde hai comercio hai vida. Alí onde funcionan, hai actividade, a xente pasea, xéranse sinerxías… Vímolo estes días. Co comercio fechado semella que desaparecera o mundo”, exemplifica Seijas desde a Federación de Comercio.
“A sociedade debería ser consciente de que mercar produto de nós en comercio de nós mellora a nosa economía e o noso mercado laboral”, subliña, en termos similares, o presidente de ATA Galiza, quen engade a maior “calidade” do emprego e o “dinamismo” que xera esta forma de negocio. “Por estes comercios pasa moitísima xente, dan luz ás rúas e seguridade aos barrios, así que fomentar o comercio de proximidade tamén contribúe a revalorizar os nosos barrios e as nosas vivendas”, subliña.
Medidas de apoio
Nesa defensa polo pequeno comercio, ATA Galiza demanda do Goberno estatal que alongue a final de ano as prestacións por cesamento de actividade, o mesmo que os ERTE, “para que os traballadores e traballadoras poidan irse incorporando a medida que o negocio precise recursos” e rebaixas fiscais, “porque se o que se fai é subir impostos fixos, o que se vai provocar, xunto coas perdas destes meses e os gastos que teñen que facer de aquí en diante, é que moitos teñan que fechar”.
Das axudas ao sector, Granados censura que “non son tales, porque a prestación por cesamento de actividade é como o paro do autónomo, polo que cotizamos de forma obrigatoria desde xaneiro de 2019, pero non unha axuda, senón unha flexibilización dun dereito que xa temos”.
Tamén na Federación de Comercio demandan un maior apoio maior das Administracións. “Porque as axudas dos Gobernos, sobre todo o central, non son como as anunciaron, non hai facilidade para conseguir os créditos e, ademais, cos créditos non fas outra cousa que alongar a débeda, pero despois hai que pagala”, reproba Seijas.
“A competencia faina a gran venda en liña”
“Hoxe, a competencia do pequeno comercio xa non son as grandes superficies, senón a venda online de ‘monstros’ como Amazon ou Alibaba, que veñen de fóra, non pagan impostos coma nós e non sabes de onde chega o produto”, advirte o presidente da Federación de Comercio cando se lle pregunta pola convivencia coas grandes áreas, despois do ‘boom’ que experimentaron hai unha década.
A propia entidade comercial conta, desde hai un lustro, cunha plataforma de comercio en liña, que nestes días funciona con máis de 500 negocios e que ultima a posta en marcha do tícket electrónico (no móbil). “Levamos tempo potenciando a informatización porque non hai dúbida de que temos que subirnos a ese método”, estima Seijas.
Desde ATA Galiza, Granados coincide en que a maior presión sobre os pequenos negocios está na actualidade no avance das novas formas de consumo. A enquisa estrutural de fogares do Instituto Galego de Estatística de 2019 situaba en 39,3% as persoas que fixeran unha compra a través de internet nos últimos tres meses. Mais da metade da poboación galega usara xa este método de compra.
“Talvez o gran centro comercial como o coñeciamos, o principal referente de guerra, perdeu o seu lugar respecto o comercio en liña, pero o pequeno comercio está moi por detrás, a presión segue estando aí”, alerta o presidente dos autónomos, que tamén concorda en que a supervivencia do sector comercial pasa por compaxinar o traballo no estabelecementos, na rúa, co mercado por internet.
“Se non de maneira individual, mediante asociacións que dispoñan de plataformas ou en colaboración cos concellos ou coa Xunta, de maneira que poidan reducir gastos estruturais e de envío e facilitar a estrutura comercial”, apunta Granados.