A EPA mide a pegada da crise na Galiza: 32.600 postos de traballo destruídos

Hai 46.900 persoas activas menos que hai tres meses. 

A EPA mide a pegada da crise na Galiza: 32.600 postos de traballo destruídos

A EPA, Enquisa de Poboación Activa, toma o pulso ao impacto da crise económica e social derivada da pandemia da Covid-19. Sobe o paro e cae a ocupación e a actividade, nunha dinámica que se dá en todo o Estado español e tamén na Galiza.

Aquí, en Galiza, o informe da EPA do II Trimestre sinala que se destruíron 32.600 postos de traballo desde o I Trimestre (xaneiro-marzo). A respecto do segundo trimestre de 2019 a destrución é de 48.400 empregos.

Loxicamente, iso tamén repercute na cifra de persoas activas, que son agora, segundo a EPA, 46.900 menos que no anterior trimestre. De feito, a taxa de actividade en Galiza é de 51%, catro puntos por baixo da media do Estado. Un problema con consecuencias no mercado laboral.

A taxa do paro é de 11,95%. Hai agora no desemprego 14.200 persoas mmenos que hai tres meses. Se comparamos co segundo trimestre de 2019, o resultado é negativo, habendo agora 2.200 parados e paradas máis que daquela.

No Estado, a ocupación diminuíu en 1.074.000 postos de traballo (-5,4%). Estatística lembra que ese máis de millón de empregos perdidos entre abril e xuño non se inclúe aos afectados por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de suspensión de contrato, xa que a metodoloxía EPA considéraos ocupados mentres dita suspensión sexa inferior a tres meses.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, coas cautelas que require a avaliación desta EPA, confírmase o fracaso e a ineficacia “das inxustas políticas económicas e laborais que está aplicando o Goberno español que teñen o seu fundamento na reforma laboral, tanto na versión imposta polo PP en 2012 como na actualización desta conforme aos acordos sociais pactados con motivo da emerxencia sanitaria da Covid19”.

Subliña que calquera alternativa para encetar a recuperación e a creación de postos de traballo e garantir uns ingresos salariais dignos pasa pola derrogación da reforma laboral e pola adopción con urxencia dun plan de emprego e de industrialización en Galiza “que reverta o desmantelamento do tecido produtivo e que dea resposta as todas as ameazas derivadas do proceso de descarbonización da economía”.

Vía: https://www.nosdiario.gal